martes, 6 de marzo de 2012

IR DA CASA Á FACULTADE... EN TRANSPORTE PÚBLICO!!

MISIÓN IMPOSIBLE...
Estas son as nosas tres experiencias diarias...

·       TRAXECTO DOMAIO – PONTEVEDRA

P
ara quen non o saiba, eu vivo nunha vila chamada Domaio, un lugar moi bonito situado no Morrazo. A pesar da tranquilidade, a paz, o bo clima e as vistas; décadas de crecemento sen ningún tipo de planificación urbanística, fixeron deste lugar unha vila dispersa, desordeada e, polo tanto, inconexa. Esta dispersión fai imposible dispoñer de medios de transporte eficientes e capaces de ser accesibles por toda a poboación. Todo isto fixo que ó transporte público lle sexa difícil competir co privado (co vehículo particular). O único medio de transporte público co que podemos contar aquí é o autobús, sería impensable falar dunha rede de cercanías que unise, por exemplo: Pontevedra, Vigo e O Morrazo. Parece que hai preocupacións máis importantes como o AVE ou as autopistas para os veraneantes.
Aclarado isto, ímonos centrar no meu caso particular:
O traxecto diario dende o meu fogar ata á facultade empregando o transporte público
Falando do traxecto de Domaio - Pontevedra, a frecuencia dos autobuses é moi limitada, habendo só dous o día, para ida, e outros tantos para a volta. Ademais, a parada do autobús atópase na estrada a carón do porto, a media hora andando dende a miña casa. Se coñecedes Domaio, poderedes imaxinar que o traxecto é bastante ladeiro e pouco axeitado para os peóns, polo que o traxecto de volta é bastante peor, non só me refiro ás subidas, senón do medo que da, ás veces, voltar tarde por eses camiños inhabitados e sen iluminación.
Por todo isto, quizais non vos sorprenda o feito de que, tras finalizar o bacharelato e por conseguinte, o transporte escolar, tivese que pensar na posibilidade de sacar o carné de conducir e mercar un coche para poder continuar cos meus estudos. Que precisaba para conseguilo? CARTOS! Así que, como non quería arriscarme atracando un banco, púxenme a traballar. Ós dous aniños xa conseguín, con axuda iso si, sacar o permiso de conducir, e reunir os cartos para mercar un flamante Polo de segunda man, e aforros para mantelo e desprazarme. XA PODÍA EMPEZAR A CARREIRA!
Falando do aspecto económico e facendo números:
Billete autobús Domaio-Pontevedra: 2,05
TOTAL: 6,70€ en bus (ida e volta)
Eses serían os meus gastos diarios de verme na necesidade de empregar o transporte público. Se ven é certo que, tras facer cálculos, o traxecto ida e volta en coche sáeme a 7 euros diarios. Así que algúns/as diredes …. bah … son  aproximadamente 133 euros o mes… Pero quen ten coche, sabe que o seu mantemento non é barato verdade? Podería comezar a falar das reparacións, dos 700 euros do seguro ó ano …(con sorte), impostos municipais…etc.
En fin, supoño que decidín ir en coche á facultade porque ir en autobús non me supón ningún aforro, pero sí moita perda de tempo (non sería de todo imposible, pero sí moi difícil). O que si me trae sen coidado é que o gasoil vaia cada vez máis caro….total…
eu sempre lle meto 20 euros!

·       TRAXECTO  VILAR - PONTEVEDRA

N
o meu caso tería que levantarme ás 6.15 da mañá e depender de alguén que me levase ata Soutelo de Montes ás 7.15 para coller un autobús con dirección a Pontevedra, onde chegaría sobre as 8.15 . Dende alí camiñaría durante uns 30 minutos para chegar ás 8.45 a facultade; tería 15 minutos para descansar despois de  esta estupenda forma de empezar o día.
Os días que salgo ás 6 collería un autobús ás 7 que me levaría ata Folgoso onde me baixaría sobre as 7.45. Aí tería que esperarme alguén que  me levase ata a casa a cal chegaría sobre as 8 da tarde.
Os días que salgo ás 8 non tería bus para volver á casa, entón tería que depender de alguén que me fose buscar para levarme á casa ou ben pagar un taxi que me custaría uns 40 euros o que suporía un desembolso moi grande, que os ingresos da beca non cubre.
O prezo de autobús entre Soutelo de Montes e Pontevedra  é de 4.05 euros mentres que entre Pontevedra é Folgoso é de 2.90 euros.
Como vedes asistir a clase é todo un reto e unha misión imposible, ademais de ser unha misión moi cara (27,8 € semanais se volvera todos os días en autobús).

·       TRAXECTO VIGO- PONTEVEDRA

I
r cada día á facultade supón unha gran... Odisea, e o non ter coche e depender de horarios, desprazamentos, esperas... é un puro caos, ademais de non ser nada barato. Vouvos poñer un exemplo de como é un día de semana para min. Supoñamos que teño clase en Pontevedra ás 12, unha hora á que calquera diría: xenial, máis tempo para durmir!, pero no meu caso non é tan así...  Para chegar a tempo teño que coller un bus a Ponte ás 10.30, polo que deberei coller un Vitrasa ( transporte público co que nos movemos por Vigo. Sorte que a parada esta preto da miña casa) ás 9.50. Hora de erguerse: 8.45. O custo da viaxe en Vitrasa para un universitario é de 0,63 euros.



Ese autobús déixame na Praza de España sobre as 10.15, polo que para chegar á estación de buses teño que ir andando durante uns dez minutos, a fume de carozo para non perder o bus que me levará a Pontevedra. Nin que dicir ten que todo este percorrido se fai coa pertinente mochila, cargada co portátil e demais pertenzas. Unha vez chego á ansiada estación, collo un novo bus. O custo da viaxe é de 2 euros (debe de ser do único que baixou algo. Antes eran 2,40). Un conxunto de 20 bonos custa 40 euros. A duración destes bonos e aproximadamente dun mes (40 euros ó mes). O traxecto dura algo máis de media hora. Unha vez chego á estación de Pontevedra, ás 11 ou 11.10 dispóñome á caza dun novo bus, o que por fin me deixará na facultade. Normalmente teño que agardar por el media hora ou algo menos. Se cadra vos preguntades: e por que non vai andando? Pois a resposta é moi sinxela: porque me leva máis tempo e vou cargadiña coma unha mula, polo que a viaxe non sería moi agradable. Polo tanto, toca agardar.


Por fin é a hora de que saia o bus (ás 11.30) . O custo do billete é de 1,30 euros (prezo que subiu, xa que antes eran 1,25 euros) Como podedes comprobar, a diferenza entre este billete e o de Vigo- Pontevedra é de risa, e este último simplemente fai un pequeno traxecto de quince minutos ata chegar á facultade.
Por fin chego ó meu destino, uns quince minutos antes de que comece a clase (11.45). Misión cumprida!  Para min ir a clase é como ir de excursión, de bus en bus, so que a visita turística non soe ser demasiado gratificante xD. Despois de tantos traxectos o último que che apetece e ir a clase, porque xa chegas mareada dabondo…


·           Número de buses collidos: 3
·           Total gastado na viaxe de ida: 3,93 euros.
·           Ir de “viaxe” a Pontevedra cada día: non ten prezo.

Este caso dáse cando non hai clase ás 9. Cando é así collo un bus directo á facultade ás 8, que sae dende a Praza de América. Normalmente para chegar alí collo un Vitrasa. Isto é moito máis cómodo, xa que non hai que facer tantos transbordos, pero o preso diso é levantarse ás 6.30 da mañá, que só escribilo doe.
Conclusión: os servizos proporcionados polo transporte público son escasos, caros, hai poucos horarios e poucas facilidades para chegar á estación, tanto de Vigo como de Pontevedra. No caso da universidade, esta debería proporcionar máis servizos directos, xa que moitos dos estudantes da nosa facultade somos de Vigo. Outro tema que poderiamos tratar son as condicións destes autobuses e de ambas estacións… aspecto que deixaremos para outra ocasión, porque senón non acabariamos nunca.
Polo tanto, ata que non me toque a lotaría para sacar o carné de conducir e mercar un coche para ir q vir cando me dea a gana, tócame cada día ir de “excursión” de bus en bus. Outra opción sería ir andando “Pasiño a pasiño”, chegaría tarde, pero faría exercicio dabondo, jeje.
Queridos lectores, como vedes todo o que nos rodea vai “Pasiño a pasiño”, moi paseniño e o que nos agarda…!



2 comentarios:

  1. Traxecto Cangas-Pontevedra 6.30€ ao día, tampouco sae nada rentable e se ademáis temos en conta que tarda sobre 60 minutos e nos deixa a 20 minutos da facultade o tempo tampouco acompaña, ademais de ter uns horarios de mañá pouco asequibles.
    Isto leva a persoas coma min a coller un piso en Pontevedra xa que sae máis rentable, sae más barato e non perdo ese tempo que tanta falta fai. A parte disto, a quen lle gusta saír do autobús con choiva e chegar pingando a clase?
    E nada, este é o meu caso (Desi) xunto cos vosos, e non haberá nada que o cambie.
    Un bico !!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola camiñante!!! Entendemos a túa situación, xa que o igual que no caso de O Morrazo, Galicia está repleta de pequenas aldeas incomunicadas entre si. Se ben, ten puntos positivos como é a tranquilidade e a esencia natural de Galicia, pero a desvantaxa para a xente nova que quere comezar uns estudos fóra do seu entorno é a falta de medios de transportes públicos, que obriga a este mozos e mozas a marcharse vivir fóra da súa casa e preto da facultade. Antes isto non supuña un problema, xa que eran poucos os que podían permitirse estudar, pero do mesmo xeito que evolucionamos nisto tamén deberían evolucionar os medios para conseguilo. O CAMBIO que desexariamos todos e todas é moi difícil dado a situación económica que atravesa o país.

      Eliminar