martes, 27 de marzo de 2012

CURSOS DE CONDUCIÓN SEGURA

Pareceunos interesante a seguinte información que atopamos na páxina web http://xuventude.xunta.es 

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado aposta novamente polos cursos de condución segura coa finalidade de achegar á mocidade actitudes seguras no uso dun vehículo tomando como base o coñecemento dos factores de risco na condución (alcol, drogas, sono,....), dos sistemas de seguridade activa e pasiva do vehículo (ABS, control de tracción, control de estabilidade, ....), así como da técnica de condución (manexo do volante, uso de freo e acelerador, adherencia do neumático,.....).
Poderán inscribirse nos cursos os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos que estean en posesión do carné de conducir B.
Os cursos impartiranse no Circuíto da Madanela, no Concello de Forcarei (Pontevedra) as fins de semana do 21 e 22 de abril e 28 e 29 de abril, e no Circuíto da Pastoriza, no Concello da Pastoriza (Lugo) as fins de semana do 5 e 6 de maio e do 12 e 13 de maio.
A actividade organizarase para 64 alumnos cada fin de semana en catro quendas de sábado pola mañán, sábado pola tarde, domingo pola mañán e domingo pola tarde. As quendas serán de 09:00 a 14.00 horas pola mañán e de 13:30 a 18:30 horas pola tarde.

Así que xa sabedes camiñantes, ou máis ben condutores e condutoras, apuntádevos a estes cursos e "camiñemos" cara unha condución máis  segura!!

jueves, 22 de marzo de 2012


OS NOSOS CAMIÑANTES CANINOS




Hoxe imos facer unha entrada “cruzada”, e esta ten que ter relación cos contidos do noso blog, é a vez co das nosas compañeiras do grupo “Palmitas”, o cal adícase a mostrarnos a situación que viven día a día os animais do noso entorno, ademais de concienciarnos contra o seu abandono, maltrato, etc. Pois ben, moitos dos nosos e das nosas camiñantes pensarán o seguinte: que teñen que ver os animais, por exemplo os cans, co mundo da mobilidade, e o transporte? Pois, aínda que non o pareza, estes animais teñen moito que ver tamén neste tema. En primeiro lugar porque o seu abandono provoca moitos accidentes de tráfico, aínda que nós imos abordar outro aspecto máis positivo, isto é: cómo poden axudarnos os cans na nosa mobilidade? Pois este é o caso, por exemplo, das persoas cegas, ou daquelas que no se poden valer por si mesmas e necesitan da axuda dos nosos “mellores amigos”, os cans guía, para facilitarlles esta tarefa. É incrible a cantidade de cousas que nos poden aportar estes animais! Grazas a eles moitas persoas poden moverse pola rúa con seguridade. Pero a preparación destes cans é longa (casi dous anos) e conleva moito traballo e esforzo. As razas máis adecuadas para desempeñar esta función son os Golden Retriever, os Labradores Retriever e os Pastores Alemáns. Ademais cada CC.AA. ampara o seu dereito a deambular libremente en calquera establecemento e     transporte público.


Enlaces á páxina da ONCE:
Adestramento durante case dous anos:
http://www.once.es/new/sala-de-prensa/historico-de-notas-de-prensa/mas-de-1.800-perros-guia-han-sido-formados-en-la/?searchterm=perros guía
Tutela de cachorros de cans:
http://www.once.es/new/servicios-especializados-en-discapacidad-visual/perro-guia/documentos/tutela-de-cachorros-de-perros/?searchterm=perros guía





Eles deberán ser os seus ollos e para iso valeranse sobre todo do seu extraordinario olfacto e oído. Eles tamén teñen que aprender cando se cruza a rúa, aprender a diferenciar o bordo dunha acera, un paso de peóns, como teñen que marcarllo ó invidente,aprender a sortear obstáculos, como detectar un posible perigo e saber como protexer ó seu dono. Para os invidentes non só son os seus “mellores amigos” senón que xa son como unha prolongación de si mesmos e están implicados en todas as tarefas do seu día a día.

 


Gustaríanos recomendarvos especialmente o programa “Perros extraordinarios” da National Geographic. Nestes episodios podedes ver as “extraordinarias” cousas que son capaces de facer estes animais, e a capacidade de entrega ó ser humano.
Enlace á páxina web de National Geographic:
Por outra banda, na páxina web da Once tamén atopamos información sobre os cans guía, entre ela, aquelas normas que debemos seguir cando tratemos con cans guías, como non distraelos ou non darlles de comer (normalmente xa levan un distintivo ó lombo, para que saibamos que están traballando):
Enlace á páxina da ONCE:
http://www.once.es/new/servicios-especializados-en-discapacidad-visual/perro-guia/documentos/legislacion-y-recomendaciones/?searchterm=perros guía


Así que xa sabedes, os cans tamén poden estudar unha carreira, e a de formarse en ser un bo can guía non é doada. A maioría son alumnos e alumnas moi aplicados e aplicadas, aínda que ó final do período só a metade conseguirán “graduarse” como cans guía. E cal é a súa recompensa unha vez atopan traballo? Pois non son os cartos, non, non é outra que o cariño, a motivación e os coidados da persoa que teñen por dono ou dona; iso bástalles.
Polo tanto, como podedes comprobar, os cans son realmente uns bos e entregados amigos que non significan soamente unha boa compaña, senón que poden mellorar e favorecer en moitos aspectos a vida humana.

O ser humano aínda ten moito que aprender destes marabillosos animais, e devolverlles a súa entrega e nobreza, no canto de deixalos tirados no medio dunha cuneta á primeira de cambio, como fan moitos e moitas. Eses e esas si que son “animais”.
Así que xa sabedes unha cousiña máis camiñantes: os cans guía colaboran na seguridade vial e ensínanlles ás persoas cegas a ir “Pasiño a pasiño” e sen perderse, polo mundo que nos rodea. Eles tamén son camiñantes, só que de catro patas! Parabéns compañeiros caninos, seguide así! ;)


SINAIS CON ENCANTO


    DO SINAL DE  STOP AO “SIGA”


O pasado mes de febreiro saíu  no xornal “La voz de Galicia” unha fotografía que para moitos e moitas de nós se nos facía moi coñecida. Esta imaxe atopábase nunha presentación que se puxo aló atrás moi de moda e que circulou por moitos contactos de msm. A presentación chámase “Galicia calidade”. Nela podemos observar múltiples creacións “made in Galicia”, moi económicas e como non, con moita utilidade (usos de somieres para cerrar fincas, mamparas como invernadoiros , a lavadora vella como buzón...e, introducíndonos máis no tema de transporte: o uso de marquesiñas como alpendres, o acondicionamento das mesmas con sofás ou, o nosos favorito: a farola colocada no medio da estrada). Volvendo ao tema que nos interesa, esta imaxe non ten que ver coa reciclaxe de obxetos,  ten que ver coa “bromiña” que algún “simpátic@” quixo gastar.

Como podemos observar, o que nun principio era un sinal de Stop algo gastado, alguén cun par de brochadas cambiou completamente o seu significado polo de “siga”:

  







Este sinal atopase na parroquia de Labacengos, no concello de Moeche, na Coruña ,e xa sabemos de oídas que causou algún que outro accidente. O que nós nos preguntamos é:

“Por que este ou esta artista non se lle deu por retocar o sinal para facilitar a lectura do Stop, pero si, para prexudicar a aqueles condutores e condutoras que non se dean conta da bromiña?

 ... Estamos covencidas de que, @s afectad@s por dita broma estarían encantad@s de darlle un par de “brochazos” ao autor.

Sabemos que existen  moit@s máis artistas que se están innovando día a día na manipulación de  sinais, usando técnicas diversas: pintura, spray, pegatinas ou incluso manipulación directa. Así como sabemos que o aburrimento e a estupidez fan estragos, por iso lle dedicamos en exclusiva  esta entrada.

 Un consello: cada vez que fagades estas obras mestras pensade nalgún ser querido que pode saír prexudicado polas mesmas.




martes, 20 de marzo de 2012

ATOPA AS DIFERENZAS

                                                             
Difícil verdade? Calquera diría que ambas instantáneas pertencen ó mesmo lugar, pero por incrible que pareza non é así. A primeira das imaxes pertence ó marabilloso aparcadoiro da nosa facultade, e a segunda ó noso satélite a Lúa.
Por se algún ou algunha de vós non nos cre, botádelle un ollo á seguinte foto. Confirmado, trátase do noso aparcadoiro! Non sabemos a quen se lle ocorreu a xenial idea de facer o seu chan de ladrillo, un material moi adecuado para que os coches pasen por riba del. As condicións son lamentables e cada vez que tes a ousadía de meter aí o coche corres o risco de deixar as rodas no intento. Pese ás queixas e ás reclamacións, nos tres anos que levamos de carreira a cousa segue igual, e cada vez empeora máis. Por se fose pouco o espazo non é suficiente e ás veces a algúns coches pouco lles falta para aparcar na porta mesmo da facultade, ou para deixar o coche dentro da mesma. Deixando de lado a posibilidade de que a persoa que deseñou o aparcadoiro pode que sexa a mesma que deseñou a facultade... o que nos queda claro é que o resultado que vemos aquí, non se debe as consecuencias dunha mala planificación...non. Posiblemente este señor pensou que os alumnos/as chegaríamos á facultade montados nun 4 x 4 e o pasaríamos “pipa” ó chegar a estes marabillosos cráteres...
Así que xa sabedes camiñantes, no canto de aforrar para facer un deses estrambóticos viaxes á Lúa, vinde pola nosa facultade que é gratis e a experiencia de ingravidez que experimentas no coche cando pasas por estes “cráteres” é a mesma!

martes, 6 de marzo de 2012

ATERRIZA COMO POIDAAAS!!


O
 
pasado día 2-3-2012 o telediario de Antena3 deu a seguinte noticia:


Normalmente cando falamos de condutores ebrios, pensamos nas repercusións que pode ter ese estado para as súas vidas, as dos demais condutores e para os viandantes, pero nunca nos imaxinamos que isto puidera repercutir nos pasaxeiros de un avión!

Se este señor non fose ebrio (que o ía), só chegamos á conclusión de que pensase que o seu coche era o mellor! Así que pensou na forma de demostrarllo ó mundo:

-          Vou cruzar a pista de aterrizaxe antes de que chegue o avión!

Que maravilla ver a eses coches patrulla destras del!, imaxinádesvos a cara do piloto? Ímonos dar outra voltiña máis señores pasaxeiros...que na pista de aterrizaxe hai festa!


COMO LOGROU INTRODUCIRSE ESTE CONDUCTOR EBRIO NUNHA PISTA DE ATERRIZAXE? Seguro que o seu amigo Jonnie Walker (Blue Label) lle axudou a trazar o plan!


Afortunadamente a aterrizaxe abortouse e non aconteceu nada, pero uns intres despois e o rapaz podería ter causado un gran desastre, levándose por diante as vidas de moitas persoas. Así que, por favor recordade!

Se bebes...Non pretendas gañarlle a un avión!

IR DA CASA Á FACULTADE... EN TRANSPORTE PÚBLICO!!

MISIÓN IMPOSIBLE...
Estas son as nosas tres experiencias diarias...

·       TRAXECTO DOMAIO – PONTEVEDRA

P
ara quen non o saiba, eu vivo nunha vila chamada Domaio, un lugar moi bonito situado no Morrazo. A pesar da tranquilidade, a paz, o bo clima e as vistas; décadas de crecemento sen ningún tipo de planificación urbanística, fixeron deste lugar unha vila dispersa, desordeada e, polo tanto, inconexa. Esta dispersión fai imposible dispoñer de medios de transporte eficientes e capaces de ser accesibles por toda a poboación. Todo isto fixo que ó transporte público lle sexa difícil competir co privado (co vehículo particular). O único medio de transporte público co que podemos contar aquí é o autobús, sería impensable falar dunha rede de cercanías que unise, por exemplo: Pontevedra, Vigo e O Morrazo. Parece que hai preocupacións máis importantes como o AVE ou as autopistas para os veraneantes.
Aclarado isto, ímonos centrar no meu caso particular:
O traxecto diario dende o meu fogar ata á facultade empregando o transporte público
Falando do traxecto de Domaio - Pontevedra, a frecuencia dos autobuses é moi limitada, habendo só dous o día, para ida, e outros tantos para a volta. Ademais, a parada do autobús atópase na estrada a carón do porto, a media hora andando dende a miña casa. Se coñecedes Domaio, poderedes imaxinar que o traxecto é bastante ladeiro e pouco axeitado para os peóns, polo que o traxecto de volta é bastante peor, non só me refiro ás subidas, senón do medo que da, ás veces, voltar tarde por eses camiños inhabitados e sen iluminación.
Por todo isto, quizais non vos sorprenda o feito de que, tras finalizar o bacharelato e por conseguinte, o transporte escolar, tivese que pensar na posibilidade de sacar o carné de conducir e mercar un coche para poder continuar cos meus estudos. Que precisaba para conseguilo? CARTOS! Así que, como non quería arriscarme atracando un banco, púxenme a traballar. Ós dous aniños xa conseguín, con axuda iso si, sacar o permiso de conducir, e reunir os cartos para mercar un flamante Polo de segunda man, e aforros para mantelo e desprazarme. XA PODÍA EMPEZAR A CARREIRA!
Falando do aspecto económico e facendo números:
Billete autobús Domaio-Pontevedra: 2,05
TOTAL: 6,70€ en bus (ida e volta)
Eses serían os meus gastos diarios de verme na necesidade de empregar o transporte público. Se ven é certo que, tras facer cálculos, o traxecto ida e volta en coche sáeme a 7 euros diarios. Así que algúns/as diredes …. bah … son  aproximadamente 133 euros o mes… Pero quen ten coche, sabe que o seu mantemento non é barato verdade? Podería comezar a falar das reparacións, dos 700 euros do seguro ó ano …(con sorte), impostos municipais…etc.
En fin, supoño que decidín ir en coche á facultade porque ir en autobús non me supón ningún aforro, pero sí moita perda de tempo (non sería de todo imposible, pero sí moi difícil). O que si me trae sen coidado é que o gasoil vaia cada vez máis caro….total…
eu sempre lle meto 20 euros!

·       TRAXECTO  VILAR - PONTEVEDRA

N
o meu caso tería que levantarme ás 6.15 da mañá e depender de alguén que me levase ata Soutelo de Montes ás 7.15 para coller un autobús con dirección a Pontevedra, onde chegaría sobre as 8.15 . Dende alí camiñaría durante uns 30 minutos para chegar ás 8.45 a facultade; tería 15 minutos para descansar despois de  esta estupenda forma de empezar o día.
Os días que salgo ás 6 collería un autobús ás 7 que me levaría ata Folgoso onde me baixaría sobre as 7.45. Aí tería que esperarme alguén que  me levase ata a casa a cal chegaría sobre as 8 da tarde.
Os días que salgo ás 8 non tería bus para volver á casa, entón tería que depender de alguén que me fose buscar para levarme á casa ou ben pagar un taxi que me custaría uns 40 euros o que suporía un desembolso moi grande, que os ingresos da beca non cubre.
O prezo de autobús entre Soutelo de Montes e Pontevedra  é de 4.05 euros mentres que entre Pontevedra é Folgoso é de 2.90 euros.
Como vedes asistir a clase é todo un reto e unha misión imposible, ademais de ser unha misión moi cara (27,8 € semanais se volvera todos os días en autobús).

·       TRAXECTO VIGO- PONTEVEDRA

I
r cada día á facultade supón unha gran... Odisea, e o non ter coche e depender de horarios, desprazamentos, esperas... é un puro caos, ademais de non ser nada barato. Vouvos poñer un exemplo de como é un día de semana para min. Supoñamos que teño clase en Pontevedra ás 12, unha hora á que calquera diría: xenial, máis tempo para durmir!, pero no meu caso non é tan así...  Para chegar a tempo teño que coller un bus a Ponte ás 10.30, polo que deberei coller un Vitrasa ( transporte público co que nos movemos por Vigo. Sorte que a parada esta preto da miña casa) ás 9.50. Hora de erguerse: 8.45. O custo da viaxe en Vitrasa para un universitario é de 0,63 euros.



Ese autobús déixame na Praza de España sobre as 10.15, polo que para chegar á estación de buses teño que ir andando durante uns dez minutos, a fume de carozo para non perder o bus que me levará a Pontevedra. Nin que dicir ten que todo este percorrido se fai coa pertinente mochila, cargada co portátil e demais pertenzas. Unha vez chego á ansiada estación, collo un novo bus. O custo da viaxe é de 2 euros (debe de ser do único que baixou algo. Antes eran 2,40). Un conxunto de 20 bonos custa 40 euros. A duración destes bonos e aproximadamente dun mes (40 euros ó mes). O traxecto dura algo máis de media hora. Unha vez chego á estación de Pontevedra, ás 11 ou 11.10 dispóñome á caza dun novo bus, o que por fin me deixará na facultade. Normalmente teño que agardar por el media hora ou algo menos. Se cadra vos preguntades: e por que non vai andando? Pois a resposta é moi sinxela: porque me leva máis tempo e vou cargadiña coma unha mula, polo que a viaxe non sería moi agradable. Polo tanto, toca agardar.


Por fin é a hora de que saia o bus (ás 11.30) . O custo do billete é de 1,30 euros (prezo que subiu, xa que antes eran 1,25 euros) Como podedes comprobar, a diferenza entre este billete e o de Vigo- Pontevedra é de risa, e este último simplemente fai un pequeno traxecto de quince minutos ata chegar á facultade.
Por fin chego ó meu destino, uns quince minutos antes de que comece a clase (11.45). Misión cumprida!  Para min ir a clase é como ir de excursión, de bus en bus, so que a visita turística non soe ser demasiado gratificante xD. Despois de tantos traxectos o último que che apetece e ir a clase, porque xa chegas mareada dabondo…


·           Número de buses collidos: 3
·           Total gastado na viaxe de ida: 3,93 euros.
·           Ir de “viaxe” a Pontevedra cada día: non ten prezo.

Este caso dáse cando non hai clase ás 9. Cando é así collo un bus directo á facultade ás 8, que sae dende a Praza de América. Normalmente para chegar alí collo un Vitrasa. Isto é moito máis cómodo, xa que non hai que facer tantos transbordos, pero o preso diso é levantarse ás 6.30 da mañá, que só escribilo doe.
Conclusión: os servizos proporcionados polo transporte público son escasos, caros, hai poucos horarios e poucas facilidades para chegar á estación, tanto de Vigo como de Pontevedra. No caso da universidade, esta debería proporcionar máis servizos directos, xa que moitos dos estudantes da nosa facultade somos de Vigo. Outro tema que poderiamos tratar son as condicións destes autobuses e de ambas estacións… aspecto que deixaremos para outra ocasión, porque senón non acabariamos nunca.
Polo tanto, ata que non me toque a lotaría para sacar o carné de conducir e mercar un coche para ir q vir cando me dea a gana, tócame cada día ir de “excursión” de bus en bus. Outra opción sería ir andando “Pasiño a pasiño”, chegaría tarde, pero faría exercicio dabondo, jeje.
Queridos lectores, como vedes todo o que nos rodea vai “Pasiño a pasiño”, moi paseniño e o que nos agarda…!