O pasado día 15 de maio asistimos
a unha conferencia sobre o PROXECTOTERRA.
Tivemos a sorte de coñecer a JOSÉ
LUIS GONZÁLEZ, mestre veterano con anos de experiencia ás súas costas e
orixinario de Arteixo.
E vós, camiñantes,
preguntarédesvos: que é o PROXECTOTERRA?
Pois ben, este proxecto consiste
en coñecer o noso territorio, O LUGAR ONDE VIVIMOS e O ESPAZO QUE PERCIBIMOS. Combina
o medio rural co urbano. Ten unha vocación colectiva, xa que todos os centros
públicos contan cos materiais necesarios para levar a cabo este proxecto. Entra
en xogo o ámbito das emocións, porque a afectividade está ligada ó territorio
no que cada un vive e medra. Os materiais deste proxecto trabállanse durante 15
días.
Os fundamentos do PROXECTOTERRA
son os seguintes:
-
A percepción como interpretación das
sensacións do espazo que habitamos.
-
As emocións como froito da relación
perceptiva.
Comenio, S XVII: “nada hay en la mente
que no haya pasado antes por los sentidos”
-
Configuración dos espazos: elementos
figurativos.
-
Identificación de como foi ocupado o
noso territorio.
-
Recoñecemento dos valores espaciais da
arquitectura (luz, etc.)
-
Paso do tempo que está condicionado pola
historia e q permite falar da identidade dun territorio.
Todos os materiais deste proxecto
están integrados na área de Coñecemento do Medio Natural, polo que está
integrado no currículo.
Pois ben, amig@s camiñantes, ese
abafante día de calor, tivemos a sorte de asistir no Salón de Graos da nosa
Facultade a unha estrea: A PRESENTACIÓN SOBRE O PROXECTO TERRA. Esta
presentación combinaba imaxes de obras do artista URBANO LUGRÍS (algunhas das cales mostramos a continuación), pintor dos
mares galegos e que o percibe como un mar de lendas, coa narración levada a
cabo pola radiofónica voz de José Luis, dun fermoso relato inspirado neses
cadros que representan a Galicia mariña. De fondo, acompáñanos nesta viaxe unha
música relaxante que simulaba sons do mar. Atopámonos pois nun territorio
sensorial a cabalo entre a realidade e a fantasía.
Tras asistir a esta estrea,
xogamos coas emocións: que nos produciu esta presentación?
Lévanos a sentir tranquilidade e
paz, xa que, cada cousa percibida polos sentidos aféctanos. Como xa dixemos
antes, un dos piares fundamentais deste proxecto é a ligazón entre o territorio
e a afectividade, neste caso o noso territorio galego e os seus mares . E fomos
quen de somerxernos neses soños galegos grazas a Lugrís e a José.
Cada quen interpreta a realidade
ó seu xeito, unha vez é percibida polos sentidos, de tal xeito que somos quen
de darlle unha interpretación ós espazos.
Tal e como dixo José, “só podemos amar aquilo que coñecemos” e
agora, aqueles e aquelas que non coñeciamos as marabillosas creacións deste
pintor, se cadra só de oídas, somos quen de “amalas”.
O próximos mes de setembro
teremos a sorte de que os materiais deste proxecto para a EDUCACIÓN INFANTIL xa
estean preparados.
Como punto e final, sería
divertido engadir unha curiosa anécdota, para que vexades, camiñantes, que o
mundo é un pano. Resultou que, sen sábelo, o mestre e unha compañeira estiveron
no mesmo centro, cando ela estudaba e el era director. Coñecíanse e non se
decataran! Anos despois coincidiron nun novo espazo, a nosa Facultade. Que
cousas verdade?
Agora si camiñantes, despedímonos
ata a vista, non sen antes agradecer a JOSÉ LUIS GONZÁLEZ a súa visita á nosa
Facultade. Esperamos que volte pronto, un día máis propicio, sen exames á vista
e con menos calor.
Grazas a tod@s e que teñades voa
viaxe de volta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario